Saturday 04 de May de 2024

Inés Rey recibe aos equipos participantes no Teresa Herrera de Mauro Silva, Bebeto e Álex Bergantiños


No acto de recepción aos equipos participantes, celebrado este sábado en María Pita, a alcaldesa da Coruña lembrou as figuras de Amancio Amaro, Luis Suárez e Arsenio Iglesias

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu a recepción oficial no palacio municipal de María Pita dos equipos participantes no XI e LXXVIII Trofeo Teresa Herrera de Fútbol. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, e polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.

Ao acto asistiron os ex xogadores do Deportivo Bebeto e Mauro Silva, que seránhomenaxeados antes do partido desta tarde. Neste sentido, en María Pita estiveron presentes o presidente do Real Club Deportivo, Álvaro García; e integrantes da directiva do Red Bull Bragantino, un dos equipos participantes no torneo. Tamén participou no acto o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán.

Inés Rey entregou a Mauro Silva e Bebeto unhas figuras da Torre de Hércules conmemorativas e tivo palabras de afecto para ambos ex xogadores: “Fixestes moi feliz ao deportivismo e espero que esta tarde a afección volo devolva nesa grande homenaxe”. A alcaldesa tamén se lembrou na súa intervención das figuras de Amancio Amaro, Luis Suárez e Arsenio Iglesias, e quixo felicitar a Álex Bergantiños pola súa carreira: “É un referente absoluto e estou segura que agora, desde o seu novo cargo no club, saberá inculcar os valores que transmitía sobre o céspede”.

O presidente do Deportivo, Álvaro García, agradeceu á alcaldesa, Inés Rey, “a súa implicación, e a sintonía entre o Concello da Coruña e o Real Club Deportivo para traballar conxuntamente na organización do torneo”, e tamén puxo en valor a figura de Bergantiños, “un referente que hoxe, como un día o fixo Mauro Silva, xogará o seu último partido como capitán, pero seguirá levando o brazalete no club”. García expuxo, ademais, que “esperamos que o regreso de Mauro e Bebeto á Coruña sexa o presaxio dunha nova etapa ilusionante para a nosa afición, que tanto o merece”.

Esta tarde, en primeiro lugar xogarase o partido da categoría feminina, que chega á súa undécima edición, entre o Deportivo ABANCA e o Deportivo Alavés Gloriosas, a partir das 17.00 horas. Ás 19.30 horas será a quenda do trofeo masculino, que enfrontará ao Real Club Deportivo e ao Red Bull Bragantino de Brasil.